MACBETH
o ruido e a furia

Sinopse.
A traxedia celta de William Shakespeare non pode encontrar mellor escenario. Atmosferas de néboa, chuvia, escuridade e misterio. Versos de terra, vento e sangue. Meigas que se transforman en feiticeiras “retranqueiras” e se mofan das debilidades humanas. Porque falar de maxia e misterio é falar de meigas. Falar de meigas é falar de Galicia. E en Galicia, se falamos de meigas… “Habelas, hainas!”.

#o reparto

ACTORES GALEGOS PARA UN SHAKESPEARE CLÁSICO

XOÁN CARLOS MEJUTO / Macbeth
LUIS IGLESIA / Banquo
IRIA ARES / Lady Macbeth
DAVID PERDOMO / Malcolm
CARLOS SANTE / Macduff

#personaxes

O propósito fundamental de Estudo Momento é facer unha traxedia entretida e popular. A este respecto, o reparto está conformado por rostros sobradamente coñecidos da pequena pantalla e que xa tiñan demostrado o seu talento no campo teatral.

A proposta, formulada para cinco actores e en versión reducida, esixe dos actores que vaian saltando de personaxe en personaxe nun apreciable esforzo de caracterización.

Luis Iglesia interpreta a Banquo, nesta versión o mentor traizoado polo seu pupilo, un Macbeth con corazón escuro e sanguinario, ao que protexe e advirte contra as meigas pero do que non poderá escapar no seu arrouto de loucura final. Na segunda parte do espectáculo, Iglesia transfórmase en Seyton, grotesca criatura que vive os derradeiros momentos xunto ao tirano -e tolo- Rei Macbeth e en Ross, irmán de armas do nobre Macduff e unha das últimas esperanzas contra os Macbeth.

Xoán Carlos Mejuto é o rey da montaxe, o Rey Macbeth. Mejuto demostra con este papel protagonista estar no seu mellor momento profesional. Un alarde interpretativo ao alcance de moi poucos e que lle fai viaxar durante as case dúas horas de duración do espectáculo, desde o guerreiro máis bravo e valente ata o covarde máis baixo e sanguinario. Do nobre amigo e amante esposo, ao traidor escuro e maltratador.
Do cordo, ao tolo. Do ceo, ao inferno.

Ao Macbeth de Mejuto tan só o poderá deter, nunha vibrante batalla final, todo un escocés, o Macduff de Carlos Sante, de presenza e porte ideais para este tipo de personaxes. Sante tamén dá vida a unha das tres meigas e a un paternal Rey Duncan, que fai as delicias do espectador a pesar de ter unha única escena na montaxe.  

Iria Ares repite na compañía tras o éxito de 1879. Casa de Bonecas, nesta ocasión como Lady Macbeth, aportando sofisticación e beleza a unha dos protagonistas femininas máis importantes da historia do teatro e se retorce e afea para o papel dunha das tres meigas.
Porque “Habelas, hainas…”.

Pecha o reparto David Perdomo, coñecido popularmente como o humorista que inventou “El Koruño” -termo co que se cataloga a particular maneira de falar de certos individuos da cidade de A Coruña- engade o morbo xusto á proposta e sorprende gratamente o seu talento “oculto” á hora de recitar versos, aquel que ata agora non quixo ou non lle deixaron mostrar.

Perdomo séntese cómodo nos seus múltiples rexistros. Empezando por un afeminado e glamuroso Principe Malcolm, soberbio na escena de persuasión a Macduff. Continúa como bravo guerreiro, encarnando a Lennox, e pasa por Fleance, o fillo de Banquo, e por un dos asasinos -Sante interpreta o outro- contratados por Macbeth. Acaba transformándose nunha das meigas máis grotescas.

Cinco actores, quince personaxes…
Só uns poucos sobreviven…

Que empece a traxedia!

Libro_Macbeth_Manuel_lourenzo

#a version

MANUEL LOURENZO
“Siendo entonces un homenaje a la figura de Lourenzo la primera razón de creación de este espectáculo –incluso aunque nunca esté de más revisitar a Shakespeare- podemos señalar que el propósito de la compañía – generoso en su voluntad de apartarse y ser casi un vehículo complementario que dé cuerpo y forma a la reinterpretación lírica que hace Lourenzo de las palabras de Shakespeare- queda sobradamente cumplido.”


Crítica de Butaca Anfiteatro.

(Leer crítica)

MACBETH

(tras un silencio)

Debería ter morto noutra hora.
Outra hora habería p’ra esas novas.
Mañá, mañá, mañá… Miseramente
vanse arrastrando os días, un tras outro,
até a última sílaba do libro
en que se escribe o tempo…
Todos os nosos ontes van levándonos
como parvos á morte poeirenta.
Morre axiña, raquítica candea!
A vida é unha sombra que camiña,
un pobre actor que runfa no escenario
no tempo dunha hora, e xa ninguén
sabe máis del… O conto dun idiota,
cheo de ruído e furia,
que nada significa…

Teatro_macbeth_clasico

#momentoestudo

A ESCENA DAS APARICIÓNS

Antes de afrontar esta versión de Macbeth para cinco actores, nos preguntamos:
Que podemos ofrecerlle nós a Shakespeare?

A nosa visión creativa: a escena das aparicións. Xogo de espellos e ilusións para profundar en atmosferas, emocións e imaxes que só pode transmitir O TEATRO.

Macbeth, afronta con tiranía covarde e sanguenta a tarefa titánica de conservar a súa coroa…, e a súa cabeza. Pero, como combater contra algo que non se desgarra coa espada, que non treme ante ameazas e que aparece e desaparece á súa vontade?

Meigas galegas. Sabias feiticeiras. Espellos, que reflicten o teu verdadeiro ser. Porque, en esencia, todos somos aquilo do que pretendemos escapar. E a batalla, está xa perdida desde o seu comezo.

macbeth_teatro_animas
teatro_macbeth_anima

A PERFORMANCE OF MACBETH (1979)
VESTUARIO, ESCENOGRAFÍA, ILUMINACIÓN e MÚSICA

Philip Casson e Trevor Nunn adaptan esta versión do clásico a televisión, empregando un excelente elenco de actores da Royal Shakespeare Company, entre os que destacan uns moi noviños Ian McKellen e Judi Dench, como Macbeth e Lady Macbeth.

A realización penetra na traxedia sen disimulo, nin complexos, permitindo ao espectador percibir ata o máis mínimo matiz emocional. A iluminación é dura e contrastada, creando sombras duras e espazos máxicos en constante conflito coa realidade. Unha parte do rostro en penumbra, un ollo onde reflicte un brillo, unha daga que parece saír de entre a néboa para asestar un golpe mortal e escapulirse, sixilosa…

Así conciben un dos mellores arranques posibles para un Macbeth televisivo. En 1979, cando aínda se están descubrindo as ilimitadas posibilidades do medio, a cámara acomete a presentación de cada personaxe cun primeiro plano frontal e obxectivo, como intentando dicirnos: “Estas son as persoas ás que lles van suceder terribles traxedias. Lembren ben os seus rostros…”.

E este é precisamente o punto de partida para a nosa versión. Escenografía e vestiario simbólicos e minimalistas, posta en escena actoral para favorecer a traxedia e o conflito. Aposta pola atmosfera depresiva, sempre escura e cruel, con iluminacións laterais que agrandan os corpos de homes e criaturas sobrenaturais.

A música e o vestiario, mesturan o tradicional co contemporáneo e evocan ecos de mil batallas. Os sons metálicos e sintéticos nos advirten de que as guerras evolucionan e son o refuxio de todo home temeroso de recoñecer as súas verdadeiras intencións.

Luis_igleasia_macbeth
escenario_macbeth_teatro

#inspiracions

O MACBETH DE ORSON WELLES (1948)
A NIEBLA y O GROTESCO

Só el, só un xenio como Orson Welles podería concebir un Macbeth igual. Confiado no seu talento, é capaz de manter a atención do espectador nun plano no que durante máis dun minuto só vemos néboa, mentres, -e aquí está a clave- escoitamos a súa imponente voz recitando os emblemáticos versos: “Tomorrow. And tomorrow. And tomorrow…”.

O xenial e o grotesco. O diferente e o universal. O culto e o asequible. Iso representa para nós Orson Welles. E iso queremos transmitirlle ao noso Macbeth. Os asasinos de Banquo, o corcovado de Seyton, as criaturas da cova das aparicións, personaxes a medio camiño entre o humano e o animal, criaturas inspiradas nos rostros desgarrados dos cadros do Goya máis tenebroso.

Como último dato, unha curiosidade: o plano secuencia máis longo da historia do cine de Welles non é o archicoñecido plano de arranque de Sede de mal (1958), senón os máis de dez minutos que dura a escena do asasinato do Rei Duncan en Macbeth. Unidade de tempo e espazo reflectida en pura linguaxe cinematográfica.

O ritmo do verso de Manolo, en tal punto da versión, fíxonos concebir esta escena da nosa montaxe como unha secuencia cinematográfica que abarca todo o segundo acto e alcanza o seu clímax co descubrimento do cadáver do Rei.

actor_perdomo_macbeth

“Shakespeare era terriblemente pesimista. Pero como tantos outros pesimistas, tamén era un idealista. Únicamente os optimistas son incapaces de comprender o que significa un ideal. Shakespeare estaba moi cerca das orixes da súa propia cultura: a lingua na que escribía acababa de formarse, a vella Inglaterra medieval vivía aínda na memoria das xentes de Stratford. Estaba moi cerca doutra época. Entre a porta ao mundo moderno e os seus avós, os vellos do pobo, o mesmiño campo era aínda medieval, era aínda aquela vella Europa; e a el quedoulle algo: o seu lirismo, a súa inspiración cómica, a súa humanidade, proceden das súas ligaduras coa Idade Media que tan cercana estaba a el; e o seu pesimismo, a súa amargura… teñen relación co mundo moderno, ese mundo recén creado, o seu mundo, non ese que existía desde sempre.”

Orson Welles

#fichatecnica

MACBETH.
O RUÍDO E A FURIA
Versión en verso de Manuel Lourenzo 

Dirección: Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares
Reparto: Xoán Carlos Mejuto, Luis Iglesia, Iria Ares, David Perdomo e Carlos Sante.
Deseño de iluminación: Antón Arias
Música: Tito Barbeito
Escenografía e atrezzo: Banale

Vestiario: Ramón Santos
Axudante de dirección: Xaquín Domínguez
Técnicos en xira: Antón Cabado e Rubén Lamas
Produción: Estudo Momento
Colaboran: Diputación de A Coruña, Casahamlet e Teatro Elsinor
Deseño gráfico: Bombo Estudio
Fotografías: Kinografías
Estrena: Teatro Rosalía de Castro A Coruña

Año: 2019
*Espectáculo incluido en la Rede Galega de Teatros e Auditorios 

DISTRIBUCIÓN

distribucion@estudomomento.com
618 470 512