#Experiencias
24 HISTORIAS DE AMOR E MORTE
28 de Decembro de 2020 · Por Estudo do Momento
Historia 1
Ignacio e Rubén. Pai e Compai de Iria Ares aparecen na curtametraxe. Dende o principio, tivemos claro que queriamos preto á familia. O fotograma é unha homenaxe ao filme “El Proceso” de Orson Welles. E foi o primeiro plano do storyboard que debuxou Xoán Carlos Mejuto. Por certo, a xefa de catering foi Fina, mamá de Iria, que non quixo aparecer en ningunha fotografía para preservar a súa identidade a medios e prensa… 🙂
Fotografías: Xavi Gantes.
Historia 2
Gran parte da curta transcorre no cemiterio de Cambados, nas Ruiñas da Igrexa de Santa Mariña do Dozo. O espectador non debe saber até o final que os dous protagonistas están atrapados no limbo de ánimas. Con moito coidadiño, tivemos que ocultar aos ollos da cámara as marabillosas esculturas que adornaban as tumbas. Alexis Baneira, xefe de produción, coida aquí, con moito sentidiño, dunha das pezas máis valiosas. Imaxinades? Noite pechada, visión reducida, vento, ruidos, sombras… Levamos máis dun susto!
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 3
“Nunca traballes con nenos, nin con animais”. En Badaladas, o verdadeiro protagonista da curta foi “O corvo Frac”. O reto era rodar 3 planos de máxima dificultade cun corvo adestrado por Falcóns Galicia. Fran, dono e adestrador de Frac, avisounos: “Os corvos son moi listos, como vexa calquera cousa que lle moleste, pode pasar o peor”. Unha das cousas que fixemos foi visitalo varias veces ao longo da preprodución. Ademais, Fran tivo que traballar con Frac vestindo o traxe da Morte, para que o corvo se afixera a el e a nós. No Monte Pindo, Frac tiña que aterrizar sobre un punto concreto e facer un “acting” determinado. Podía saír, podía non saír. Podiamos perder horas de luz, metros de película… Nesta copia de telecinado, podedes ver a sorte que tivemos: Frac quixo regalarnos a súa mellor actuación. Por certo, os 3 planos que rodamos con Frac resultaron de marabilla. Sorte? Pode ser. Pero a sorte de contar con grandes profesionais como Fran de Falcóns Galicia. Grazas!
Historia 4
Sabela foi a nena da rodaxe. Os seus pais, Lorena e Martín, quen tamén aparecen na curta, tiveron que colaborar con nós á hora de contarlle á súa filla o que íamos facer de noite e nun cemiterio. Nun momento de descanso, Sabela achégase á directora Iria Ares e dille: “E canto tempo vos levou traer para aquí todas estas pedras?”. Pensaba que todo eran decorados e atrezzo! Bendita inocencia!.
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 5
En cine, cada segundo, cada frame, cada toma supón gastar película. Para a rodaxe de Badaladas de Amor e Morte contabamos con 6 latas de película virxe. Fernando Jover, director de fotografía, avisou á nosa directora Iria Ares: “¡Cuidado! Si nos pasamos nos vamos a quedar sin película. No puedes tirar tomas para cubrirte. ¿Crees que te llegarán 6 latas?”. Iria contestou, “Confía en mí. No he dirigido cine en mi vida…”. E así comeza a rodaxe, sen marxe de erro. O resultado? Iria cumpriu a súa promesa e gastou, concretamente, 4 latas e media… A lata e media que sobrou gárdaa como recordo.
Historia 6
Outro dos grandes retos de Badaladas de Amor e Morte: un disparo real de escopeta, sen cortes nin trucos de cámara. No vídeo, os actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto aproveitan cada minuto para afacerse á arma. Ao seu uso, o seu peso… Primeiros contactos con Jesús Lesta, mestre armeiro, para comezar a deseñar a coreografía do forcexeo, que tería lugar durante o plano secuencia previo ao disparo.
Historia 7
Para vestir e caracterizar á figuración de Badaladas de Amor e Morte, contamos coa axuda de amigos e dos propios homes e mulleres que interpretaron “as ánimas do cemiterio”. Foi sinxelo, tratábase de lembrar ás nosas avoas e avós e de facerlles cumprida homenaxe. Por todas as nais e pais da Galiza, soan Badaladas de Amor e Morte.
Fotografía: Xavier Gantes.
Historia 8
“Fuimos buscando a Welles y nos encontramos con Dreyer”. Así definía Iria Ares, directora de Badaladas, as súas primeiras sensacións tras ver a copia en telecinado que chegaba dende Roma. E así era o cine antes, nunca sabías o que tiñas rodado até pasar por laboratorio. Maxia, misterio, e moita tensión. Badaladas de Amor e Morte é unha homenaxe a Orson Welles, pero tamén ao cine mudo, ao cine máis primitivo e á Xoana de Dreyer.
No video podedes ver un fragmento do escaneado dixital do negativo orixinal que recibimos de laboratorio e que se coñece co nome de Copia de Telecinado.
Actores: Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto.
Música: Manu Conde.
Historia 9
Cada detalle do plano secuencia de 7 minutos estaba coidadosamente medido. Un dos momentos críticos sería cando a cámara tivera que captar o reflexo na escopeta que cargaba Xoán Carlos Mejuto e que Iria Ares tiña que acariciar. Na fotografía, vemos como Fernando Jover, DOP, Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto axustan ao milímetro este momento.
Fotografías: Xavi Gantes.
Historia 10
“Antón, xa sabes que eu nunca crin nesas cousas, pero cando nena, teño oído que o día de hoxe acoden ao cemiterio as ánimas dos que van morrer no ano que comeza. (…) Din que acoden na mesma orde en que han ir morrendo. E que saen de alí coa data escrita no peito.” Estas liñas de Roberto Vidal Bolaño sumérxennos na historia de amor da parella protagonista de Bailadela da Morte Ditosa, texto orixinal do que parte a adaptación para o guión final da curta. Para esas “datas escritas no peito” voltamos facer un guiño á figura e ao legado do director Orson Welles, escollendo estreas dos seus filmes máis representativos. Na imaxe, o 3 de setembro, estrea no Festival de Venecia de MACBETH, no ano 1948.
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 11
Para Iria Ares, Badaladas de Amor e Morte foi un reto dunha esixencia terrible: producir, dirixir e protagonizar unha curta en cine en branco e negro non é algo ao alcance de todo o mundo. “El cine no es un juego de niños”, advertía sabiamente Fernando Jover, director de fotografía, durante a preprodución. E certamente non o foi… A rodaxe foi moi complicada, por momentos pensabamos que non seriamos capaces de seguir. Pero fixémolo. Día tras día, plano tras plano… Grazas ao esforzo de todo un equipo que nunca se rendiu.
No vídeo, a cámara de Gutier Rolán durante os momentos previos á rodaxe, recolle os momentos de incertidumbre previos á rodaxe. Podemos ver a cantidade de cousas que deben estar pasando pola cabeza de Iria… Eso si, sempre coa axuda de Hitchcock para canalizar todo ese estrés!
Historia 12
“Tengo que reconocer que siempre he dividido en dos tipos los proyectos audiovisuales cuyo montaje me ha sido encargado: los que llegan una vez grabados para que el montaje arregle lo que no se ha conseguido narrar en las fases anteriores de la producción, frente a los proyectos en los que el montaje se piensa desde el inicio y simultáneamente con el resto de tareas que constituyen colectivamente la creación cinematográfica.”. Marino García, montador de Badaladas de Amor e Morte, estivo presente durante a rodaxe. Grazas ao seu traballo e ao de Alicia Díaz, script, a continuidade narrativa e o ritmo cinematográfico foron unha prioridade durante todo proxecto.
No vídeo podemos ver a Alicia e Marino debatir con Fernando Jover, director de fotografía, unha serie de planos sobre o storyboard dibuxado por Xoán Carlos Mejuto.
Historia 13
Sen dúbida, o deseño do plano secuencia de máis de 7 minutos de Badaladas de Amor e Morte acaparou moitas das enerxías e recursos da preprodución. A maior das preocupacións era ser capaces de facelo cos metros de película dispoñible e nun tempo récord: unha xornada nocturna para ensaios e toma definitiva. No carrusel de fotografías, Emmy Atrio, operador de cámara, traballa nun ensaio cos actores para coñecer ao milímitro cada detalle do que serán os seus movementos durante a secuencia. Unha teatralización do que sería o espazo final, grazas á xenerosidade da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
Gutier Rolán e Xavi Gantes, quen acabarían formando a equipa de Making Of da curta, tamén asistiron aos ensaios para coñecer o proxecto dende os inicios.
Fotografías: Xavi Gantes.
Historia 14
Un dos praceres desta profesión é viaxar e coñecer xente marabillosa e especial. Na foto, Xil Camanho, quen nos descubriu un Monte Máxico e a espectacular. Badaladas de Amor e Morte rodouse nun dos lugares máis fermosos e tráxicos de Galicia, o Monte Pindo, rendindo homenaxe ao poema de Roberto Vidal Bolaño. Versos sobre a lenda do asedio ao Monte Medulio. Nel, os castrexos -“denantes mortos que escravos”-, escolleron o suicidio colectivo como pobo, antes que deixarse conquistar polos invasores romanos.
Fotografía: Xavi Gantes.
Foi hai moito tempo.
Na cima dun monte esfuracado
polo lambetar do río.
Os castros arremuiñábanse
na fervura e o quecer das armas,
loitando por atallar a larpadela dos foraños.
E os de aquí, como agora, perdían.
Roberto Vidal Bolaño
Bailadela da Morte Ditosa.
Historia 15
O plano máis famoso de Badaladas de Amor e Morte! “A lúa chea”. Esta historia é moi especial. E está adicada a todas as persoas que fixeron posible esta curtametraxe co seu talento, profesionalidade, tesón, creatividade e paciencia. O reto era filmar, en directo e tempo real, unha lúa chea que recortase a figura da personaxe central da curta, a Morte, contra o infinito do ceo nocturno.
Máis de tres meses de traballo. Un exemplo de colaboración perfecta, de equipo, de mentes creativas actuando xuntas para acadar un resultado desexado. Sen medo ao fracaso e asumindo todos os riscos que entraban dentro do “humanamente posible”.
Nas imaxes podedes ver parte deste esforzo pasado a números… Porque ao final, o cine é, en esencia, “facer posible técnicamente o que se ve primeiro no corazón.”.
Historia 16
Se nos adicamos a traballar con imaxes, coñecemos a importancia das mesmas, así como a importancia do deseño a todos os niveis. Unha vez máis, non dubidamos en contar cos deseños de Bombo estudio para reflexar e plasmar en formato gráfico os nosos pensamentos: cartaz, dossier da curta e todo tipo de material de promoción.
A premisa, liberdade absoluta no deseño. E coa nosa participación e apoio levaronse a cabo probas, deseños, lettering manual e mais probas.
Estamos encantados co resultado final, pero dende logo, desfrutamos inmensamente do proceso, do paso a paso e das probas; porque que sorte contar con xente creativa que nos entenda e saiba plasmar o que pasa pola nosa cabeza con so unha mirada!
Historia 17
Vítor Mejuto, pintor e fotógrafo. Tivemos a grandísima sorte de contar con el como foto fixa de Badaladas de Amor e Morte. Ao principio costou convencelo…, pero en canto se animou, entrou de cheo na rodaxe e acabou acuñando unha das nosas frases preferidas, “Nosotros, los del celuloide,…”.
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 18
“Cuando uno se enfrenta al reto de producir una obra cinematográfica, como Badaladas de Amor e Morte, ya entiende que va a haber muchas dificultades; cuando además la obra en cuestión es planteada desde un inicio como un homenaje al cine de Orson Welles, comienzan a entreverse serios aprietos”. Para Xoán Carlos Mejuto, Badaladas de Amor e Morte foi a súa primeira producción cinematográfica. Discípulo de Roberto Vidal Bolaño, o proxecto supuña un reto moi especial. Mejuto non só tiña que aportar o que mellor sabe facer: actuar, tamén sería o productor executivo e o máximo responsable de tomar unha decisión fundamental para a curta: rodar en cine.
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 19
Monte O Pindo. As caras nas pedras. “Denantes mortos que escravos”.
A épica era un punto crítico na curtametraxe de Badaladas de amor e morte. Poder transformar os versos de Roberto Vidal Bolaño para transmitir na pantalla todo o que un sente ao lelos, non foi sinxelo. Foron moitas as visitas que fixemos a este marabilloso “Monte de Lendas” para atopar nel caras, historias de guerreiros.
No vídeo, os esbozos das primeiras ideas para storyboard e probas para o equipo de cámara.
Historia 20
Cantas persoas interpretaron á Morte en Badaladas de Amor e Morte?
Nunha rodaxe, e máis se é en exteriores, cada segundo conta. Para gañar tempo durante os cambios de plano, diferentes membros da equipa foron facendo da Morte.
A dificultade no Monte Pindo era desprazarse dun sitio a outro. Estructuramos a produción con tres equipos mínimos en cada unha das pedras escollidas para os diferentes planos. Grazas a isto puidemos rodar a escena inicial nunha única xornada.
Interpretaron á Morte: Tito Barbeito, Fran Corral, Xoán Carlos Mejuto e Fran de Falcóns Galicia.
Fotografías: Xavi Gantes.
Historia 21
Un exemplo de equipo, de creatividade e de talento.
Non todo ían ser “historias bonitas”. Desta volta, toca falar do que non puido ser. O primeiro día de rodaxe, todo o tempo foi empregado na consecución do plano secuencia de máis de sete minutos. Un plano moi complexo que se levou toda a xornada de traballo. Conseguímolo si, pero pagamos un alto prezo. Quedamos sen tempo para o resto dos planos de grúa previstos no plan de rodaxe. Puxemos en perigo a curta.
A segunda xornada de traballo, todos eramos conscientes do que estaba en xogo. Non había marxe para o erro. Tiramos de oficio, de profesionalidade e dalgún que outro truco da imaxinación. Por iso este plano é o noso preferido. Por ser un exemplo de equipo, de creatividade e de talento. O plano estaba previsto para ser rodado en grúa. O equipo de cámara atopou outra solución… Orson Welles estaría orgulloso!
Fotografía: Xavi Gantes.
Historia 22
Storyboard de Badaladas de Amor e Morte.
Esta foi a curta que imaxinamos.
Xoán Carlos Mejuto, o autor, levaba moitos anos sen debuxar, dende neno. Xunto cos seus irmáns, Xosé e Víctor, soñaba historias e caras de personaxes para os comics que creaban. E até tiñan productora e todo! O nome… “Historietas Films”.
Historia 23
Penúltima historia para esta serie de 24 Historias de Amor e Morte. Non podía ser outra, o alalá de Roberto Vidal Bolaño interpretado por Manuel Lourenzo.
Un dos maiores retos no artístico, foi musicar este alalá perdido, que o propio Roberto Vidal Bolaño interpretaba en directo, nas representacións teatrais de Bailadela da Morte Ditosa, obra orixinal da que adaptamos a nosa Badaladas de Amor e Morte.
Manolo lembraba a “maneira de cantar de Roberto”. Velaquí a súa homenaxe. Un alalá sentido. Un alalá galego. Longa vida a Vidal Bolaño. Longa vida a Lourenzo. Pais do teatro galego.
MORTE
(Cantando.)
Cando se foi meu amor
díxome que non xemese,
que botase ao aire as penas
para que non a esquecese.
Morrer nos teus brazos, nena,
será morte con regalo
porque é tanto o que te quero
que á mesma morte me achando.
O meu corazón che mando
cunha chave para o abrir,
nin eu teño máis que darche
non ti máis que me pedir.
Co ecoar do disparo,
a MORTE cubre de escuridade o plano.
Fin
Historia 24
Final. ¿Ou principio? E velaquí as 24 historias de Badaladas de Amor e Morte.
A derradeira imaxe desta serie é en realidade a primeira. Corresponde ao “Día 0” da produción de Badaladas e está tirada por Emmy Atrio, operador de cámara na TVG, o día en que Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto acoden ao plató do Zig Zag para unha entrevista polo seu espectáculo 1879. Casa de Bonecas.
Iria reencontrouse no plató con Emmy, a quen coñecera na serie Piratas de Tele5. Iria lembraba o seu enorme talento e, sen pensalo, comentou con Mejuto: “Emmy es el único que lo puede hacer. Vamos a pedirle que se apunte”.
Emmy Atrio aceptou o reto de “facer en Galicia, un cine como o de Orson Welles”.
O resto, como o destas 24, é historia…