#Colaboración:
UNHA ESCOCIA GALEGA.
Macbeth. O Preludio e Teatro Circo
27 de Febrero de 2020 · Por Manuel Lorurenzo
A primeira lectura do «Macbeth», nos tempos do bacharelato algún resto deixou xa, algún aviso, de soñada, primitiva relixiosidade céltica, simplemente arcaica, tra–dicional? Despois de Shakespeare, libros e filmes e algunha rara teatralización televisiva, vén a crónica de Holinshead, coas súas brétemas, a súa proximidade, tan difícil de obviar… E, de súbito, aparece unha primeira tradución ao galego: a de Barreiro–Nolla, a comezos daquela década dos setenta, cando o teatro indepedente presenza onda nós, xa se abrira a un diálogo co resto da Península, en que o noso país ocupaba un lugar importante.
O Teatro Circo, da Coruña, tiña unha formación ben especial. José Estruch, ex alumno de Inge Bayerthal, ex alumna de Isadora Duncan en Berlín, aceptara converterse no instructor constante deste colectivo, que el prepara nas técnicas corporais e vocais máis avanzadas, covocando ademais para a Coruña, un profesorado orixinario do Uruguay –Berto Fontana, Dahd Sfeir, Humboldt Riveiro etc.- ou da Arxentiña: actores e actrices, directores, músicos, cantores…, que poñen no primeiro plano o T.C., como máis adiante a Escola Dramática Galega, nacida daquel.
Cartaz de Luís Seone en impresión de Moret para o Macbeth de Teatro Circo, primeiro grupo galego de teatro independente
A chamada do Macbeth –comparada a versión galega con outras españolas, portuguesas e francesas– ten o seu momento xusto cando o T.C. quer dar un salto cun clásico universal, a fin de contrastar as forzas do teatro independente e as súas posibilidades nas linguaxes propias con que este combatera o «teatro burgués» da época, con resultados nada desprezábeis.
Había que estudar a fondo o tema, o desenvolvemento argumental e as cualidades e problemas que puidese ofrecer a tradución recentemente publicada.
Problemas coa «literalidade»? Bastantes, como en todas as experiencias similares.
1º Había de «resumir», é dicir, desprenderse das partes da obra que interesasen menos no conxunto.
2º Era preciso que as «amputacións» non se notasen, procurando primar sempre a unidade e fortaleza (expresividade) do resto.
3º Con este «novo texto» había que analizar agora a súa potencialidade expresiva, para o cal era preciso:
a) achegar a tradución á expresión e expresividade contemporáneas;
b) escenografía, attrezzo, iluminación, indumentaria, maquillaxe, efectos… tiñan que ser acordes co novo libreto e cos tempos aínda vivos na experiencia vital e cultural dos espectadores;
c) compría escoitar, decontado, a voz pública ao respecto: os propios espectadores, a crítica…
A Mostra de Teatro de Ribadavia é unha das máis importantes do país. Foi no 75, na súa terceira edición, cando Lourenzo e o seu Teatro Circo estrearan Macbeth.
Para aquel tempo, resultados sorprendentes:
1.- Francisco Nieva, un dos grandes autores e escenógrafos do ámbito español e europeo, colaborador do T.C. na escenografía, indumentaria e mesmo nunha escena concreta, escribe un artigo sumamente laudatorio da posta en escena nun importante medio madrileño.
2.- Tras a estrea en Ribadavia, un espectador apunta no coloquio: «que nos poden importar hoxe aos galegos os problemas duns aristócratas escoceses?»
3.- Na estrea en Madrid, no Teatro Alfil, no marco dunha mostra de t.i. peninsular, e ameazados polos «grises», que reclaman o director do espectáculo (agochado des que soubo daquela pretensión), un grupiño de espectadores – algúns deles galegos– comezan con gritos e pateos desde o comezo ao final da función. Obxectivo? Ou haberá que preguntar pola causa? Rivalidade? Envexa? Talvez fortalecido por este asedio, o responsábel das finanzas desapareceu no intermedio entre as dúas funcións, e ao grupo só lle foi pagada unha delas.
4.- «Mesa redonda» en Barcelona. Blanco Amor espectador frecuente do T.C., para o que escribira unha obra que o grupo non mostrara interese en levar á escena, xulgara pretensioso e innecesario o que un teatro incipiente como o galego, quixese representar un clásico como Shakespeare, habendo tanta necesidade dun «teatro popular», mais acorde co público e coa situación cultural da comunidade.
Non hai comentarios.
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo, o primeiro en ofrecer unha representación galega de Macbeth. A tradución, feita polo propio Lourenzo, non se publicou mais consérvase na Biblioteca Arquivo Francisco Pillado Mayor da UDC.
É ademáis o autor da versión “Macbeth. O ruído e a furia”, que Estudo Momento estrea en xaneiro de 2019, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Unha oportunidade única e irrepetible de traballar cun dos pais do teatro galego. Eternamente agradecidos.